un pouco de tempo atrapado pola emoción da cámara

10 dic. 2010

Colección "Asómate"

“Asómate” foi unha serie de 20 fotografías que me deixaban unha certa inquedanza e dúbida sobre o que non se podía ver. Son imaxes de fiestras, galerías, ou ocos nos edificios feitos para unir interior e exterior, aínda que tan só fora unha xuntanza visual. Ao ver as fotos quédome coa curiosidade de saber que está acontecendo ou aconteceu nun pasado dentro da edificación, ou ben se estou no interior, quero compracer a miña curiosidade sabendo que ocorre fora.
Haberá quen vexa nesta colección fotos de arquitectura; outros verán un exercicio de representación de xeometrías; outros valorarán a intensidade cromática de moitas das imaxes. E todos terán razón. As cores saturadas, as liñas moi definidas, e a presentación de elementos arquitectónicos claramente identificables marcaron este traballo feito en diversos puntos de Galicia (A Coruña, Celanova, Viveiro, Oleiros, Vilagarcía…).
Ademais da serie que se expuxo en Oleiros, Carral, Culleredo e Celanova (Outono Fotográfico 2009), realizáronse outras pequenas series numeradas e limitadas dalgunhas das obras.